Se queremos facer fronte á actual crise ecosocial, necesitamos unha transformación do sistema económico e social, e o sistema enerxético é unha peza fundamental que hai que mudar. A crise climática é o maior desafío ao que nos enfrontamos como humanidade, pero semella que a dependencia dos combustibles fósiles átanos de pés e mans.
O sector enerxético é un dos principais emisores de gases de efecto invernadoiro polo seu elevado consumo de carbón, petróleo e gas. Ademais, o oligopolio que controla o mercado fai que as grandes empresas eléctricas sigan enriquecéndose mentres a situación das persoas é cada vez máis insostible, sobre todo a das máis vulnerables.
Para evitar os peores impactos ambientais, o aumento da temperatura media do planeta non pode superar os 1,5 graos a finais do século, e cos plans propostos agora mesmo todos os países imos camiño de superar os 3. Por iso, avanzar cara as enerxías renovables e reducir o consumo é fundamental e urxente nesta década e, por suposto, para que sexa transformadora, o cambio debe facerse coa cidadanía como protagonista.
A Unión Europea está firmemente comprometida cos proxectos enerxéticos comunitarios e, por primeira vez, recoñeceu o papel e os dereitos da cidadanía en canto a producir, consumir, vender, xestionar e almacenar enerxías renovables (no paquete de Enerxía Limpa para Todos aprobada pola UE en 2019).
Ademais, en 2020 marcouse o obxectivo de reducir nun 55% as emisións de gases de efecto invernadoiro ata 2030, para o que será necesario garantir que as enerxías renovables acaden entre o 38% e o 40% do consumo final bruto de enerxía para esa data
O Estado español tamén se prepara para esta gran transición enerxética. Non obstante, a Lei de Cambio Climático e Transición Enerxética queda curta e aínda non se levou a cabo a transposición da Directiva de Enerxías Renovables. Por iso, desde Amigas da Terra estamos premendo para que se acelere o proceso de trasposición, que leva máis dun ano de atraso, e que se aposte de forma decidida pola enerxía comunitaria.
Esta lexislación supón unha oportunidade importante para reducir as emisións de CO2 e aumentar as enerxías renovables, especialmente no consumo eléctrico. Precisamos que o Goberno central, as autonomías e os concellos impulsen moitos máis proxectos democráticos de enerxías renovables.
Se non queremos que a transición enerxética quede en mans do oligopolio, temos que unirnos, unir as nosas forzas e poñer en marcha proxectos que non só abastezan aos nosos territorios, senón que poñan no centro ás persoas e aos ecosistemas.
Con el apoyo de:
Por decisión del Parlamento Alemán
Aviso legal y cláusula web | Política de privacidad y cookies | Política de privacidad en redes sociales
© Copyright 2022 | Imágenes vectoriales Freepik | Diseño web, Implicate.org
¡APÚNTATE!