Certificación de Residuo Cero

ANTECEDENTES

Este estándar de certificación, foi posible desenvolvelo grazas á experiencia e colaboración estreita, durante máis de 10 anos, con máis de 400 municipios europeos comprometidos cos principios do residuo cero e a economía circular. Trátase dun sistema que harmoniza prácticas existentes en Europa, á vez que é flexible para adaptarse aos contextos locais.

MiZA, organización que traballa en contacto con Zero Waste Europe, é a organización creadora da metodoloxía e quen puxo en marcha este primeiro estándar de certificación residuo cero independente e que será avaliado por terceiros. A metodoloxía baséase na experiencia de moitos anos en diferentes territorios, probada e avalada por persoas expertas.

Amigos da Terra e Rézero, son as organizacións habilitadas, polo momento, en España para impulsar o seu desenvolvemento e conseguir que cada vez sexan máis os municipios comprometidos en Europa cos principios do residuo cero e a economía circular.

EN QUE CONSISTE

O programa de certificación ten tras de si un sólido sistema de apoio e recoñecemento aos municipios a través do que se van comprometendo con obxectivos cada vez máis ambiciosos, á vez que poñen en marcha políticas e solucións respectuosas co medio ambiente e as persoas en materia de xestión de residuos e economía circular.

A certificación deseñouse para alcanzar unha serie de obxectivos:

  • Axudar aos municipios para cumprir, como mínimo, coas normativas nacionais e da UE e posibilitar que vaian máis aló.
  • Promover a activación de sistemas eficientes que aforren recursos naturais e económicos
  • Favorecer unha imaxe positiva do municipio, que gañará recoñecemento e credibilidade mundial. O que se traducirá en creación de emprego, oportunidades de financiamento, incentivos económicos e atracción de eventos de prestixio.


BENEFICIOS DA CERTIFICACIÓN

Son numerosos os beneficios para as cidades e vilas que queiran comprometerse co residuo cero. Por nomear algúns:

  1. Desde o primeiro momento terán acceso á experiencia residuo cero o que garantirá que os plans que poñan en marcha destaquen e sexan efectivos;
  2. As estratexias e plans que desenvolvan conseguirán un aforro na xestión dos residuos no curto prazo e continuarán facéndoo no futuro;
  3. Melloras ambientais e de saúde ao contribuír á redución de emisións e contaminación;
  4. O proceso de certificación supón unha mellora continua na que estarán apoiados para deseñar, poñer en práctica, avaliar e mellorar as súas estratexias de residuo cero;
  5. Dispoñerán de numerosas oportunidades para mostrar o seu traballo a unha audiencia europea e global, o que proporciona unha imaxe positiva e de liderado neste tema (seminarios web, viaxes de estudo, etc.);
  6. Non só cumprirán os requisitos actuais da UE, senón que poderán adiantarse ás tendencias futuras que, tal como despréndese da política en Bruxelas, parecen ter uns obxectivos cada vez máis ambiciosos;
  7. O custo da certificación destinarase directamente a axudar a financiar o modelo residuo cero en toda Europa, contribuíndo á transición ecolóxica de Europa.

PASOS CARA Á CERTIFICACIÓN

  1. INTERESE. Manifestar interese pola certificación directamente aos membros locais de ZWE recoñecidos para a certificación pola Mission Zero Academy ( MiZA), ou directamente a MiZA.
  2. COMPROMISO. Adquirir o compromiso de ser vila ou cidade Residuo Cero creando a súa propia folla de roteiro para a certificación e cumprindo unha serie de criterios específicos que se detallan aquí. É nesta fase cando o municipio adquire o status de Vila ou Cidade Candidata Residuo Cero e o logo correspondente.
  3. DESENVOLVEMENTO. O municipio ten un máximo de 2 anos para poñer en marcha e completar o cadro correspondente á certificación e presentar probas ao auditor externo para obter a certificación.
  4. CERTIFICACIÓN. Despois dunha avaliación exitosa dun terceiro que se centra no nivel de desempeño e o impacto, o municipio candidato convértese nunha cidade ou vila certificado en residuo cero. Ver aquí os criterios que debe cumprir.

Despois da certificación, o municipio debe levar a cabo melloras anuais coas que aos poucos irá mellorando os seus resultados. As auditorías realizaranse cada 3 anos para confirmar o estado de Certificación con posibilidade de subir o nivel que dispón dun máximo de 5 estrelas.

NIVEIS DE CERTIFICACIÓN “ESTRELA”

A Certificación desenvólvese ao redor dun sistema de cadro de mando, que inclúe uns criterios de obrigado cumprimento e outros baseados en puntos.

  • Os criterios obrigatorios forman os requisitos mínimos dunha cidade ou vila residuo cero;
  • Os criterios baseados en puntos outorgaranse segundo a ambición e o impacto de cada política. A combinación destes puntos definirá o nivel de certificación do municipio (hai un máximo de 5 niveis medidos en estrelas).

A certificación unicamente pode ser emitida por especialistas e auditores externos independentes acreditados por MiZA, que é o organismo que supervisa todo o proceso de certificación, supervisa o cumprimento e desenvolve o sistema.

¡¡¡Comparte!!!