10 pasos para o Residuo cero

Segundo os últimos datos publicados polo Ministerio de Transición Ecolóxica (2018), o 83% dos residuos que xeramos no Estado español recóllense de maneira mesturada e o 65% recibe un tratamento finalista, acabando en entulleiras algo máis do 53% e incinerados case o 14%. Unha perda de recursos naturais que nunca debería producirse nun planeta finito que non pode recuperar o que perde ao ritmo que o facemos, e que ademais contribúe a agravar a perda de biodiversidade e á emerxencia climática.

Para reverter esta situación, o único futuro posible é avanzar mediante unha Economía Circular real, coherente cos límites do planeta e respectuosa cos dereitos das persoas, e que camiñe cara ao Residuo Cero. Son moitas as cidades e vilas en Europa e en España que están a asumir este reto poñendo en marcha iniciativas acordes cun cambio no sistema de produción e consumo, así como implantando sistemas de xestión que maximizan as taxas de reciclaxe, á vez que reducen a xeración de residuos e minimizan a fracción resto ou rexeitamento que, neste momento, acaba en entulleira.

Un exemplo do camiño para seguir ofrécenolo Contarina, empresa pública que xestiona os residuos de 49 municipios que dan servizo a máis de 500.000 habitantes en Italia.

Son numerosos os exemplos que están a marcar o camiño e a continuación presentamos os principais pasos a dar, podendo comezar por algúns deles en solitario, combinados, en paralelo, ou na orde que cada cal poida desenvolver mellor.

1. INICIATIVAS DE PREVENCIÓN E REDUCIÓN

Hai moito por facer no primeiro paso da Xerarquía de residuos que vai ineludiblemente unido á RAP (Responsabilidade ampliada do produtor). “O mellor residuo é aquel que non se xera”. Por tanto, hai que implantar medidas encamiñadas a previr a xeración de residuos, reducir a súa cantidade e o seu contido en substancias perigosas.

Por lei (Lei 22/2011, do 28 de xullo, de Residuos e Chans Contaminados) as Comunidades Autónomas e entidades locais son competentes para elaborar plans de prevención, co obxectivo de que reduzan o peso dos residuos producidos en 2020 nun 10% respecto a os xerados en 2010. O Proxecto de Lei en curso que dará lugar á nova Lei nesta materia, incrementa ao 13% esta cifra para 2025 e a un 15% en 2030. A nivel estatal hai un plan de prevención que haberá que actualizar e numerosas CCAA dispoñen deles, pero non así os municipios.

Hai numerosas ferramentas que posibilitan dar este primeiro paso, só hai que poñelas en marcha. Algunhas corresponden ao ámbito supramunicipal, como poden ser as encamiñadas a acabar coa obsolescencia programada, o malgaste alimentario ou a incentivar a reutilización e a reparación, por poñer algúns exemplos; pero outras se poden abordar desde as entidades máis próximas á cidadanía, as vilas e cidades. Mostramos a continuación algunhas delas:

  • Deseño dun Plan de prevención.
  • Compra Pública Responsable, clave na transformación social. Como consumidoras de bens e servizos que son, as entidades locais deben incorporar criterios ambientais, sociais e de bo goberno nas súas accións.
  • Organización de eventos municipais responsables: sen residuos, con sistemas de retorno, etc. Accesibilidade para o consumidor/á a compra a granel, de proximidade, sen envases dun só uso e potenciando a embalaxe e envasado reutilizable e/ou retornable.
  • Onde lle compete, como instalacións e edificios municipais, facilitar e promover accións que faciliten a reutilización, a reparación e eviten o malgaste alimentario.

En febreiro de 2019, o Goberno das Illes Balears adoptou unha lei pioneira en materia de prevención de residuos que contén diversas medidas e obxectivos destinados a solucionar o problema dos residuos nas illas.

Campaña de Amigos da Terra Galicia “Leva o teu taper”

Manj Je Vec web
eslovaca que mostra
iniciativas sostibles

2. MELLORAR O DESEÑO INDUSTRIAL. RESPONSABILIDADE AMPLIADA DO PRODUTOR

O sistema integrado de xestión de residuos comeza desde o deseño e envasado de obxectos, tomando en conta todo o seu ciclo activo co obxecto de poder ser sustentable en cada unha das súas etapas.

Antes da fabricación está o deseño e aí é importante pensar en utilizar os mínimos recursos da natureza, xa que ademais de ser escasos en moitos dos casos, necesitan un tempo de recuperación prolongado. Por tanto débese contemplar o ciclo completo do produto (do berce á tumba), desde o primeiro elemento que se toma da natureza ata o que vai quedar do produto unha vez utilizado para evitar ou minimizar o residuo final.

Por iso, no deseño e posterior fabricación débese pensar en materiais que poidan ser recuperados e reciclados con facilidade para que poidan entrar de novo no ciclo de produción, pero tamén nunha forma de fabricación que posibilite a reparación e que se esqueza de fabricar cunha duración limitada no tempo.

Os produtos deben ser feitos para durar e por iso a obsolescencia, tanto programada como percibida, non teñen cabida cando se aposta pola economía circular e o residuo cero. O produtor é responsable do que pon no mercado.

En Francia existe a Lei contra o malgasto por unha economía circular. É unha lei que busca transformar o modelo de produción e consumo e para iso enfróntase entre outros aos seguintes retos: abandonar o plástico refugable, loitar contra o malgasto e actuar contra a obsolescencia programada.

3. SEPARACIÓN EN ORIXE

A separación selectiva, acompañada do adecuado sistema de recollida, é a base do éxito e separar a fracción orgánica do resto é factor crave.

A fracción orgánica ocupa entre o 40 e o 50% da bolsa de lixo, se se separa e trata mediante a compostaxe, non so se recupera un material valiosísimo para o solo, senón que ademais aumenta o valor das diferentes fraccións para as empresas recicladoras ao obterse “limpas”. Os sistemas máis eficientes de recollida son o Porta a Porta e o Quinto contedor pechado ou con chave.

O impulso do sistema de recolleita ̈”Porta a porta” non pode limitarse ás vivendas, senón que debe abarcar tamén ao sector comercial e outros grandes xeradores.

Como exemplo basta ver a historia da capital eslovena: Ljubliana.

Estes sistemas de xestión, son compatibles coa xestión no punto de xeración no caso de municipios rurais ou pequenos núcleos de poboación. Así a compostaxe individual ou comunitaria serían as primeiras opcións a implementar nun modelo de tratamento da materia orgánica, seguidos ou acompañados do porta a porta.

4. COMPOSTAXE

O feito de converter a materia orgánica nun recurso a través do proceso de compostaxe, é fundamental para mellorar a estrutura do solo, incrementar a súa biodiversidade, a súa capacidade de retención de auga, almacenamento de carbono e outros nutrintes. Un solo san loita contra a erosión, a desertización e é resiliente fronte ao cambio climático. Un chan san é a base para unha alimentación saudable.

O proxecto Revitaliza, da Deputación de Pontevedra (Galicia) é un bo exemplo de que a compostaxe descentralizada e próxima á cidadanía é unha alternativa válida e eficaz de tratamento dos restos orgánicos que se xeran a nivel municipal.

Outro exemplo de compostaxe descentralizada nunha gran cidade mediante pequenas plantas é o da cidade de Milán en Italia

5. RECOLLIDA PaP

É o sistema máis eficiente. Garante o incremento das fraccións para a reciclaxe e reduce a fracción residual, aquela que inevitablemente neste momento debe acabar en vertedoiro porque non pode ser reciclada. Ademais asegura unha porcentaxe de impropios por baixo do 3%.

Son numerosos os exemplos ao longo do Estado, aínda que os atopamos principalmente no País Vasco e Cataluña. A Comunidad de Madrid, conta tamén cun exemplo no municipio del Boalo-Cerceda- Mataelpino, que aínda que polo momento non está implantado en todo o termo municipal, cada ano incorpora novas zonas. A expansión maior deste sistema produciuse en Cataluña, onde ademais creouse a Asociación de municipios Porta a Porta que crece ano a ano. Trátase dun bo exemplo ao que asomarnos para coñecer o seu funcionamento. Na súa web dispón de informes e estudos que axudan a entender este sistema de recollida e son de utilidade en caso de querer replicarlo noutros territorios. Neste caso é importante ter claro, que un modelo non debe trasladarse tal cal senón que debe estudarse antes a súa adaptación ás características sociais, culturais, económicas e territoriais de cada lugar.


6. CENTROS DE REUTILIZACIÓN E REPARACIÓN

Se queremos transitar o camiño cara ao Residuo Cero, a reutilización e a reparación son pasos imprescindibles e previos á reciclaxe. Alongar a vida útil dos obxectos dándolles unha segunda ou terceira vida con tan só limpalos, pintalos, restauralos, ou reparalos para que volvan ser útiles ou desexables, está na base da cultura Residuo Cero.

Os mecanismos para conseguilo son numerosos:

  • Tendas de segunda man onde os obxectos véndense por un prezo moi inferior ao orixinal.
  • Rastriños, mercadillos ou iniciativas para promover a reutilización, onde se venden a un prezo simbólico, intercámbianse mediante troco ou se regalan a quen os demande.
  • Despregar o potencial dos puntos limpos como centros de aproveitamento e intercambio de residuos e espazos de educación ambiental.
  • Promoción dos envases reutilizables para facer a compra, levar a merenda e a comida ao colexio, ao traballo, de excursión ou de viaxe.
  • Impulso aos envases retornables no canle HORECA (Hostalería, Restauración e Cátering) e en calquera outra canle de distribución.
  • Incrementar a garantía dos obxectos.
  • Diminuír o IVE ás tendas e talleres de reparación.
  • Etc.

Ao mesmo tempo, reparar e/ou restaurar os obxectos que sufriron algunha avaría ou deterioración, permitindo que continúen cumprindo a súa función, prolonga non só a súa duración no tempo, senón que evita a presión sobre os recursos naturais e evita xerar residuos innecesarios.

Alargascencia, unha web de establecementos elaborado por Amigos da Terra que alongan a vida útil dos produtos: arranxando, compartindo, reparando, alugando, intercambiando ou utilizando produtos de segunda man.

7. RECICLAXE

Cando xa non podamos reutilizar ou reparar un obxecto e tampouco é válido para a compostaxe ou por que non, para destinalo a un museo, entón quédanos a reciclaxe.

Para posibilitar a reciclaxe, os produtos deben estar fabricados con materiais reciclables e que ademais poidan ser facilmente recuperados tras o esgotamento da vida útil do produto. A súa función entón será, unha vez fundido, desfeito ou descomposto, ser utilizado de novo na cadea de produción para fabricar un novo produto que poñer no mercado.

Unha mostra de reciclaxe atopámola na rexión do Véneto (Italia) con 5 millóns de habitantes e liderando as porcentaxes de reciclaxe en Italia. Algúns dos municipios da rexión alcanzan o 85%.

As razóns do éxito: unha xestión integrada e transparente, en mans da empresa pública Contarina, baseada nunha separación selectiva eficaz en orixe (sistema porta a porta), a compostaxe da materia orgánica, o pago por xeración e vontade política. O seu obxectivo para 2022 é superar o 95% en reciclaxe .


8. PLANTA SEPARACIÓN MATERIAIS DA FRACCIÓN RESTO E CENTRO DE INVESTIGACIÓN RESIDUO CERO

Unha vez cubertos todos os pasos anteriores, só queda seguir separando materiais dentro dos que inevitablemente han de chegar a vertedoiro ou incineradora, para investigar sobre eles e poder obter respostas para reducir aínda máis a xeración de residuos.

Capannori ten unha das taxas municipais de reciclaxe máis altas de Europa. Este municipio Residuo Cero é un exemplo de como decisións políticas sólidas e a participación comunitaria acadaron resultados innovadores.

9. INCENTIVOS ECONÓMICOS E FISCAIS: CANON AOS TRATAMENTOS FINALISTAS, PAGO POR XERACIÓN, SDDR

Os instrumentos fiscais e financeiros constitúen un elemento de apoio esencial para fomentar a prevención de residuos. A súa utilización permite a aplicación directa do principio “quen contamina, paga”, constituíndo un elemento de estímulo para a adopción de medidas de prevención por parte dos xeradores de residuos. Algunhas mostras: sistemas de pago por xeración, canon aos tratamentos finalistas e SDDR.

10. VERTEDOIRO PROVISIONAL PARA A ORGÁNICA ESTABILIZADA BIOLÓXICAMENTE

A cantidade de residuos cuxo destino sexa o vertedoiro debe ser cada vez menor e con tendencia a desaparecer, de aí o nome de “provisional”. Só debería albergar materia orgánica estabilizada biolóxicamente e os residuos neste momento non reciclables.

O camiño ao Residuo Cero puxo de manifesto a ineficacia e insostenibilidad dos tratamentos de final de tubaxe, como a vertedura e a incineración.

Aquí un exemplo de contestación cidadá a estas iniciativas:

¡¡¡Comparte!!!